• Instagram
  • Twitter
  • Facebook
  • Youtube
  • Gmail

Adiós Ríos, Adiós Fontes


Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde m’eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei.

Prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiñas d’o meu contento.

Muiño d’os castañares,
noites craras d’o luar,
campaniñas timbradoiras
d’a igrexiña d’o lugar.

Amoriñas d’as silveiras
que eu lle daba ô meu amor,
camiñiños antr’o millo,
¡adiós para sempr’adiós!

¡Adiós, gloria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nascín,
deixo a aldea que conoço,
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga pol-o mar;
deixo, en fin, canto ben quero…
¡quén puidera non deixar!

Xa s’oyen lonxe, moi lonxe,
as campanas d’o pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

¡Adiós tamén, queridiña…
Adiós por sempre quizáis!…
Dígoche este adiós chorando
desd’a veiriña d’o mar.

Non m’olvides, queridiña,
si morro de soidás…
tantas légoas mar adentro…
¡Miña casiña!, ¡meu lar!

¡Miña casiña!, ¡meu lar!

Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos,
non sei cando nos veremos.